O prazo de presentación de solicitudes manterase aberto ata o esgotamento dos fondos asignados á creación e realización de actividades pola Rede, non obstante, a aprobación das propostas presentadas realizarase de forma periódica. As ditas solicitudes presentaranse a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia utilizando o modelo de presentación electrónica de solicitudes PR004A, dirixido á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar.
Documentación necesaria para presentar propostas á Rede:
Declaración responsable de admisibilidade da solicitude
Modelo de acordo de asociación
XUNTANZAS
Segundo o artigo 6 do Regulamento Interno de Funcionamento de REDEMAR, os seus integrantes reuniranse periodicamente, polo menos unha vez ao ano, para deliberar e adoptar acordos. Dende a súa constitución, celebráronse cinco sesións ordinarias nas que se trataron temas de interese para os seus integrantes, se constituíron seis Grupos de Traballo e se aprobaron trece propostas.
Seguidamente recóllese de forma máis detallada os temas máis destacadas tratados en ditas xuntanzas.
- 1.- Xuntanza constitutiva - 7 de setembro de 2022
A Rede constituíuse o 7 de setembro de 2022, está coordinada pola Dirección Xeral de Desenvolvemento pesqueiro e forman parte dela en representación do sector pesqueiro a Federación Galega de Confrarías de Pescadores, as tres Federacións Provinciais, o Consello Gallego de Pesca, a Federación Galega de Redeiras, unha persoa representante do marisqueo a pé e os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), mentres que o sector da investigación está representado polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), o Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo, as tres universidades galegas (USC, UDC e UVigo) e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) con representantes do Instituto de Investigacións Mariñas e do Instituto Español de Oceanografía.
Na citada sesión constituíuse a Rede e nomeáronse vicepresidentes e vocais, debateuse o regulamento interno de funcionamento e presentáronse catro propostas:-Redogal, a cargo de Rafael Bañón Díaz, biólogo da Unidade Técnica de Pesca de Baixura.
- Unidade Técnica de Pesca de Baixura, a cargo de Alberto Otero Peña, subdirector xeral de Investigación e Apoio Científico-Técnico.
- Seguimento de bancos naturais, a cargo de José Manuel Parada Encisa, investigador do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA).
- Efecto da dinámica sedimentaria nos bancos marisqueiros da ría de Arousa. Proposta de accións para a xestión eficiente”, realizada por Ana Bernabeu, Directora de Investigación do CIM de Vigo.
A sesión realizouse en formato presencial na Sala Eisenman da Cidade da Cultura.- 2. – Xuntanza ordinaria do 10 de outubro de 2022
As primeiras actuacións foron a aprobación do Regulamento Interno de Funcionamento así coma o modelo de solicitude, orzamento e acordo de asociación para a presentación de propostas para realizar actuacións orientadas a acadar resultados aliñados cos obxectivos do PO FEMP. Igualmente plantexouse a constitución de varios grupos de traballo:
- Grupo de traballo sobre as ouxas.
- Grupo de traballo sobre macroalgas.
- Grupo de traballo sobre parámetros biolóxicos dos peixes.
- Grupo de traballo sobre a integración de datos das asistencias técnicas das confrarías.
- Grupo de traballo sobre o posible impacto da industria eólica nos ecosistemas mariños.
- Grupo de traballo sobre a situación dos recursos marisqueiros na costa.
Asemade, aprobouse a realización das seguintes actuacións:
- A creación dunha páxina web para REDEMAR que se realizará mediante un convenio con AMTEGA.
- A realización dun Convenio co CSIC para a formación e análise dos datos que recollen os observadores do Servizo de Planificación da Dirección Xeral.
- A contratación dun servizo de asesoramento para a identificación de especies e elaboración de fichas dos avistamentos comunicados a través da App de Ciencia Cidadá da Consellería do Mar: REDOGAL.
- No marco da ampliación da UTPB, realizarase unha formación para observadores en pesca de baixura coa finalidade de confeccionar unha bolsa de persoas ás que poda acudir calquera integrante da Rede.
- 3. – Xuntanza ordinaria do 4 de novembro de 2022
Nesta xuntanza iniciouse o seguimento dos Grupos de traballo propostos e aprobáronse os seguintes proxectos:
- Desenvolvemento de indicadores, ferramentas numéricas e estratexias asociadas aos obxectivos biolóxicos e ecolóxicos dos plans de xestión do marisqueo. Indicadores 22, presentado polo CIMA.
- Simposio de técnicos de asesoramento á xestión dos recursos marisqueiros. SIMTECMAR, presentado polo CIMA.
- Modernización da rede de monitorización costeira dos parámetros ambientais, REDECOS. Presentado por INTECMAR co apoio da Federación Galega de Confrarías de Pescadores.
A presidenta da Rede indicou que a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro uniríase ao Grupo de traballo sobre recursos marisqueiros na costa para a súa organización e desenvolvemento.
- 4. – Xuntanza ordinaria do 28 de novembro de 2022
Nesta xuntanza fíxose o seguimento dos Grupos de traballo propostos, sendo o máis destacable a presentación á Rede por parte do Grupo de Traballo sobre Macroalgas, dunha proposta:
- Estudio técnico da evolución das especies Himanthalia elongata, Sargassum muticum e Undaria pinnatifida no litoral galego. Modelización con drons. Repoboación con Himanthalia. HISARUM – macroalgas. presentado polo CIMA, xunto coa Federación Galega de Confrarías de Pescadores e as Confrarías de Ribadeo, Cangas e Illa de Arousa.
A dita proposta foi aprobada xunto co proxecto:
- Influencia do substrato nos bancos marisqueiros intermareais: proposta de accións para a xestión eficiente do servizo ecosistémico. Sedimentos Ría Arousa. Presentado pola Universidade de Vigo.
- 5. – Xuntanza ordinaria do 24 de marzo de 2023
O máis salientable respecto ao seguimento das propostas e grupos de traballo, foi:
- Sinatura do Convenio entre a Consellería do Mar a través da DX de Desenvolvemento Pesqueiro e o CSIC, a través do Instituto de Investigaciones Marinas que supón a materialización nunha proposta concreta do Grupo de traballo sobre parámetros biolóxicos dos peixes.
- Comunicación da data de realización do SIMPOSIO, de técnicos de asesoramento á xestión dos recursos marisqueiros. SIMTECMAR.
Na xuntanza aprobáronse as seguintes propostas:
- Xestión sustentable e baixo un enfoque ecosistémico dos stocks de poliquetos de interese comercial en Galicia: valorización do recurso e avance no coñecemento da súa bioloxía e ecoloxía. POLYCHAETA presentada por la UDC coa Federación Gallega de Confrarías de Pescadores.
- Avante: proxecto de Investigación-Acción-Participación para promover a empregabilidade de persoas con discapacidade no sector do ocio mariñeiro. AVANTE. Presentado por UNIR xunto coas confrarías de Sanxenxo e Cambados.
- Índice sustentabilidade do Ourizo de mar: elaboración do índice e plataforma dixital para a recollida dos datos. SOST-ERIZO. Presentado por UVigo, CIMA, MAREIRA BIZI e as confrarías de pescadores de Lira, Baiona e a Federación Galega de Confrarías de Pescadores.
- 6. – Xuntanza ordinaria do 9 de xuño de 2023
Todos os compoñentes da Rede destacan a participación e adecuación do procedemento de cara a obtención dos resultados perseguidos coa realización das xuntanzas dentro do Grupo de traballo sobre os recursos marisqueiros na costa. Este grupo, liderado pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores en colaboración coa Dirección Xeral de Desenvolvemento pesqueiro, realizou catro xuntanzas nas que participaron integrantes dos organismos científicos da Comunidade autónoma, persoal da Administración Publica e traballadores dos sectores do marisqueo a pé e flote das diversas Confrarías das rías de Vigo, Muros e Noia, Pontevedra e Arousa, quedando pendentes as xuntanzas nas rías da Costa da Morte e da Mariña.
En relación ás propostas presentadas á Rede, foron aprobados:
- Diversidade xenética do ourizo de mar galego e a súa aplicación na conservación. OURIXEN. Presentado pola USC e coa participación do CIMA e Federación Galega de Confrarías de Pescadores.
- Establecemento das bases para a restauración dos bancos naturais de ostra plana (Ostrea edulis,Linnaeus 1758) na enseada de San Simón (Ría de Vigo). PreOSTREARES. Presentado polo CIMA xunto coa Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra.
- 7. – Xuntanza ordinaria do 20 de outubro de 2023
Nesta xuntanza fixose un balance das actuacións levadas a cabo pola Rede, informando aos integrantes da Rede da evolución e dos resultados das propostas aprobadas e dos grupos de traballo creados.
Dende o inicio de REDEMAR aprobáronse 14 propostas (entre outras a destacar, REDECOS, INDICADORES22, PREOSTREARES, HISARUM, SIMPOSIO, SOST-ERIZO, SEDIMENTOS, POLYCHAETA, OURIXEN, AVANTE, REDOGAL) e se formaron 5 grupos de traballo (sobre as ouxas, macroalgas, parámetros biolóxicos dos peixes, a integración dos datos das asistencias técnicas e a situación dos recursos marisqueiros na costa).
Así mesmo, abordouse a planificación do seguinte programa operativo, indicando que para o ano 2024 contase con 2 millóns de euros e que se continuara como mesmo sistema de aprobación e formalización de propostas.
- 8. – Xuntanza ordinaria do 4 de xuño de 2024
Primeira xuntanza deste ano na que se aprobou o regulamento interno de funcionamiento e a documentación adaptada as novas esixencias do FEMPA para presentar propostas a Rede.
Nesta reunión acordouse a creación de novos grupos de traballo e informouse aos integrantes da apertura ao público da nova páxina web de Redemar como unha das primeiras actuacións de REDEMAR.
- 9. – Xuntanza ordinaria do 30 de xullo de 2024
Nesta xuntanza aprobáronse as seguintes propostas:
- "OSTREARES”: sobre a restauración de bancos naturais de ostra plana na enseada de San Simón, na ría de Vigo. Os socios de este proxectos son o CIMA e a Federación de Confrarías de Pescadores de Pontevedra.
- “MARISLAB”: estudo de sedimentos para mellorar a produtividade de bivalvos en bancos marisqueiros. Participa o CSIC, a Federación de Confrarías de Pescadores de Pontevedra e a Universidade de Vigo.
- “REDECOS - FASE 2”: trátase da segunda parte do proxecto “REDECOS”, proxecto desenvolto no ano 2022 e 2023. Participan INTECMAR e a Federación Galega de Confrarías de Pescadores.
- “RESALBER”: sobre á obtención de unha serie de marcadores que aumentan a resistencia á salinidade do berberecho. Participan como socios o CIMA, a Federación de Confrarías de Pescadores de Pontevedra e a Universidade de Santiago de Compostela.
- “ECOSISTÉMICA-24”: desenvolvemento de novas tecnoloxías da avaliación da saúde dos stocks dos bancos de marisco e do ecosistema. Participan nel o CIMA e a Federación Galega de Confrarías de Pescadores.
- “II SITEM”: xornada técnica de entidades do marisqueo, Consellería do Mar, UTPB, INTECMAR, axentes de extensión e investigadores do CIMA. Participan o CIMA e a Federación Galega de Confrarías de Pescadores.
- “RIFA”: estudo da resposta inmune da ameixa rubia fronte a factores ambientais.Participan o CSIC e a Confraría San Xosé de Cangas.
- “CALIMAR”: estudo que mide a calidade do medio mariño litoral e o seu efecto sobre o marisqueo. Participan a Universidade de Santiago de Compostela, Federación Galega de Confrarías de Pescadores, Confraría de Pescadores Carreira e Aguiño, Confraría de Pescadores da Pobra do Caramiñal, Confraría de Pescadores A Pastoriza, Confraría de Pescadores San Martiño e Confraría de Pescadores San Cipriano de Aldán-Hío.
- “SOL-OUXA I”: estudo preliminar sobre a presenza da ouxa no litoral de Galicia. Participan o CIMA, CETMAR e a Federación Galega de Confrarías de Pescadores.
PREGUNTAS FRECUENTES
- ¿Cal é o prazo de presentación das propostas?
O prazo para a presentación de propostas a REDEMAR estará permanentemente aberto ata o esgotamento dos fondos. Os integrantes de REDEMAR reúnense periodicamente para tratar todos os temas do seu interese incluíndo a valoración das propostas presentadas.
- ¿Cal é o importe máximo e mínimo?
Non existen importes mínimos nin máximos. O importe a aprobar será o preciso e razoable para a execución da proposta.
- ¿Que conceptos se poden financiar?
Os recollidos no orzamento:
• Persoal
• Axudas de custo
• Material inventariable
• Servizos externos
• Inscricións en eventos
• Organización de eventos
• Elaboración de material divulgativo
• Custos indirectos- ¿É preciso que asinen todos os documentos todos os socios?
O formulario de solicitude debe ir asinado por todos os socios que executarán a proposta, se finalmente é aprobada pola Rede, e polos integrantes de REDEMAR que apoian a proposta.
O acordo de asociación debe asinarse polos socios que executarán a proposta.
O orzamento non é preciso que se presente asinado.- ¿Os integrantes de REDEMAR que apoian a proposta poden ser socios executores?
Sí, isto é o máis adecuado.
- ¿Poden presentar propostas socios externos á Rede?
En principio non habería problema, pero sempre que consiga o apoio de dous integrantes na Rede, un do sector pesqueiro e outro da parte científica. O desexable e que compartan a execución do proxecto.