A Xunta e o IIM-CISC abordan co proxecto ‘RIFA’ o estudo da resposta inmune da ameixa rubia fronte os factores ambientais

O titular de Mar destaca que este traballo permitirá reforzar a actividade extractiva afondando no coñecemento dos factores máis influentes na supervivencia desta especie e optimizar as condicións da súa colleita

A Xunta e o IIM-CISC abordan co proxecto ‘RIFA’ o estudo da resposta inmune da ameixa rubia fronte os factores ambientais
  • Esta acción investigadora, na que tamén participa a Confraría de Pescadores de Cangas, está confinanciada polo Fempa e contará cun orzamento de máis de 230.000 euros
  • O Goberno galego inviste este ano 24 millóns de euros no ámbito da investigación mariña no que están implicados centros autonómicos punteiros como o Intecmar, o CIMA ou o Cetmar co obxectivo de reforzar este sector estratéxico

A Consellería do Mar asinou recentemente un convenio de colaboración co Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) para desenvolver, a través do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), o proxecto RIFA que ten como finalidade o estudo da resposta inmune da ameixa rubia (Polititapes rhomboides) fronte a factores ambientais. O acordo, rubricado polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o vicepresidente do CSIC, Carlos Closa, reforza o traballo conxunto entre a Administración autonómica e este organismo estatal no marco da Rede entre o sector pesqueiro e os organismos científicos de Galicia (Redemar).

Alfonso Villares resaltou a estratexia do Goberno galego de apostar pola investigación mariña como mellor ferramenta para contar coa mellor información dispoñible que permita tomar as mellores decisións así como instrumento esencial á hora de deseñar as solucións máis axeitas ante os desafíos actuais do sector marisqueiro. Nesta liña, subliñou que esta acción investigadora permitirá reforzar a actividade extractiva afondando no coñecemento dos factores máis influentes na supervivencia desta especie e optimizar as condicións da súa colleita.

O proxecto, no que colabora a Confraría de Pescadores de Cangas, responde a información recollida en estudos previos relativos a episodios de altas mortalidades que mostraron una asociación destes descensos cunha maior prevalencia bacteriana. Así, analizando os factores ambientais previos a eses episodios comprobouse que os rexistros de temperatura e os valores de ondada estiveron por riba da media, postulando a hipótese de que os factores ambientais extremos derivados do cambio climático poden afectar á capacidade de defensa destes animais e condicionar a súa resposta fronte a potenciais patóxenos.

Esta iniciativa, que está cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca, e Acuicultura, conta cun orzamento de máis de 230.000 euros e prolongará a actividade investigadora ata o 2027. Neste tempo agárdase coñecer mellor a taxa de supervivencia da ameixa rubia a diferentes variables ambientais, identificar a posible presenza de patóxenos e determinar a capacidade de resposta do sistema inmune a nivel celular e molecular en cada un dos escenarios. Tamén identificar posibles biomarcadores indicadores de estrés.

O conselleiro do Mar puxo en valor a importancia deste estudo dado que os resultados obtidos serán transferidos ao sector coa fin de mostrar un catálogo de condicións óptimas e non óptimas e así avanzar cara un ciclo de produción sostible. Ademais, axudará ás confrarías a tomar medidas preventivas e decisións que favorezan a conservación dos recursos -dende discriminar zonas para a recollida de exemplares ata seleccionar o momento da recollida- incluso, nun futuro, chegar a realizar simulacións con todos os datos xerados para tomar as medidas máis axeitadas.

24 millóns de euros

O responsable autonómico destacou a aposta decidida da Xunta pola investigación mobilizando este ano 24 millóns de euros e sustentada en centros punteiros como o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) que cumpre este ano o seu 50 aniversario, ou o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar).Así, puxo en valor que son máis de 340 técnicos autonómicos os implicados nestes traballos que tamén abarcan tarefas de vixilancia e control dos produtos mar galegos.

Participa na nosa rede!

 

  rede.mar [at] xunta.gal (rede[dot]mar[at]xunta[dot]gal)

Cofinanciado pola Unión Europea