Redemar aproba os proxectos de investigación Volaria e Octosan sobre a volandeira na Ría de Vigo e o estudo do ciclo vital do polbo

Estas iniciativas contan coa participación do CSIC, o Intecmar, a Universidade de Vigo, a Asociación de Marisqueo a Flote Ría de Vigo e as confrarías de Bueu, Baiona, Ribeira, e Fisterra

Redemar aproba os proxectos de investigación Volaria e Octosan sobre a volandeira na Ría de Vigo e o estudo do ciclo vital do polbo
  • Está previsto que se avalíe os avances dos traballos, que serán desenvolvidos ata o ano 2027 e contarán cun orzamento conxunto de 350 mil euros, xunto co resto dos proxectos en curso

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, presidiu hoxe a xuntanza ordinaria da rede entre o sector pesqueiro e os organismos científicos autonómicos, Redemar, na que se aprobaron dous novos proxectos de investigación. Así, deuse luz verde ao desenvolvemento da iniciativa Volaria, liderada polo CSIC e na que tamén participan a Asociación de Marisqueo a Flote Ría de Vigo, IIM-CSIC, Intecmar e a Universidade de Vigo, e o denominada Octosan na que colaboran as confrarías de Bueu, Baiona, Ribeira e Fisterra.

A primeira procura abordar os factores biolóxicos que condicionan a comercialización da volandeira na ría de Vigo desde diferentes perspectivas, procurando ventás temporais ou para determinados rangos de tamaño. A segunda ten como finalidade afondar no estudo do desenvolvemento do ciclo vital do polbo nas poboacións naturais ao longo do ano e da súa saúde así como capacidade  de defensa fronte a estresantes ambientais ocasionados polas condicións actuais de cambio climático. Deste xeito, procurase axudar á optimización da xestión deste recurso mariño garantindo un desenvolvemento sostible que asegure a demanda dos mercados a través do coñecemento dos efectos provocados pola presenza de patóxenos oportunistas e outros agresores externos.

Está previsto que se avalíe os avances destes traballos, que serán desenvolvidos ata o ano 2027 e que contarán cun orzamento conxunto de 350 mil euros, xunto co resto dos proxectos en curso. Nestas xuntanzas, o socio líder de cada proxecto dará conta do avance das tarefas e do cumprimento do cronograma proposto ademais da xustificación e entregables comprometidos. Por último, acordouse que, nas vindeiras reunións, sexan os representantes das entidades líderes dos proxectos, xunto cos investigadores principais, os que expoñan a presentación de propostas de novas iniciativas susceptibles de ser desenvolvidas por Redemar.

Participa na nosa rede!

 

  rede.mar [at] xunta.gal (rede[dot]mar[at]xunta[dot]gal)

Cofinanciado pola Unión Europea