Mar e Facenda impulsan un sistema de información que dea soporte á xestión dos descritores do estado do ecosistema mariño e as poboacións explotadas

Marta Villaverde e Miguel Corgos asinaron o convenio que rexe esta alianza desenvolta polo Cima e Amtega

Mar e Facenda impulsan un sistema de información que dea soporte á xestión dos descritores do estado do ecosistema mariño e as poboacións explotadas
Mar e Facenda impulsan un sistema de información que dea soporte á xestión dos descritores do estado do ecosistema mariño e as poboacións explotadas
Mar e Facenda impulsan un sistema de información que dea soporte á xestión dos descritores do estado do ecosistema mariño e as poboacións explotadas
  • A plataforma, que está dotada con 187.000 euros, co-financiados polo Fempa, permite a dixitalización destes elementos, considerados decisivos na xestión e a investigación pesqueira
  • A colaboración destas dúas Consellerías tamén permitiu a posta en marcha do programa Lonxas Galegas 4.0, que este ano culminará a segunda fase coa súa implantación en 18 novas lonxas e 29 entidades

As Consellerías do Mar e de Facenda e Administración Pública colaborarán no desenvolvemento dun sistema de información que dea soporte á xestión dos descritores do bo estado do medio mariños (DEM) e á información de indicadores de saúde das poboacións explotadas. Esta alianza, que selaron no día de hoxe os responsables de ambos os dous departamentos, Marta Villaverde e Miguel Corgos, respectivamente, materializarase a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Centro de Investigacións Mariñas (Cima). Contará cun investimento de 187.000 euros que serán financiados nun 70% a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa).

Precisamente o Cima foi o escenario elixido para a sinatura do convenio que rexe esta colaboración, na que o Cima e Amtega impulsarán unha solución que dea coberturas a estes indicadores de saúde das especies marisqueiras. Será a través do seguintes módulos: avaliación de stocks, que inclúan a mostraxe e estrutura do tamaño e que serán cargados desde o sistema ARouSA empregado polo Centro de Investigacións Mariñas, información de capturas, que determinará os puntos de control, información da lonxa, considerando a obtención de datos de extracción e venda desde as plataformas de PescadeGalicia e Lonxas Galegas 4.0 e o módulo de indicadores DMEM.

O novo sistema, tal e como detallou Villaverde, tomará como ficheiros de referencia de base os plans de xestión marisqueira, os bancos, especies, as confrarías de pescadores e as asociacións sectoriais.

Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública fixo fincapé na importancia de poder contar cunha ferramenta como esta, que contribúa a coidar e mellorar o mar da nosa comunidade, sempre co obxectivo común, dixo, de afondar na nosa marca Galicia Calidade. Así, segundo destacou, coa información que recompile o centro dependente da Consellería do Mar, poderanse dixitalizar as mostraxes e mellorar a súa accesibilidade para o seu uso en ámbitos como a xestión pesqueira ou para realizar proxectos de investigación.

Con este acordo de colaboración, a Axencia, que depende do seu departamento dá cumprimento ao obxectivo de colaborar coas diferentes áreas da Xunta para optimizar os servizos aos cidadáns a través da dixitalización e a xestión de datos. Neste caso, para mellorar as mostraxes e a información sobre o estado do medio mariño e a saúde dos seus recursos.

Colaboración constante

As Consellerías do Mar e de Facenda intensifican así a súa colaboración en prol da xestión marítima-pesqueira. Precisamente, e novamente da man da Amtega, o departamento de Villaverde implantou o novo programa de modernizacións tecnolóxica da comercialización e xestión nas lonxas e confrarías de pescadores, coñecido como Lonxas galegas 4.0.

Este sistema permite a rastrexabilidade completa de toda a información desde a pesada ata a propia poxa e posterior facturación. Na primeira fase instalouse en 35 rulas ás cales se sumou posteriormente a de Baldaio. Nesta segunda fase do proxecto, que conta cun investimento de 10 millóns de euros, poñerase en marcha noutras 18 alcanzando ao final do ano as 54 lonxas integradas. Tamén está previsto que se sumen a esta iniciativa de modernización do sector do mar 29 novos pósitos, co que finalmente o programa quedaría instalado en 65 entidades.

Dende a súa posta en marcha, o sistema permitiu procesar máis de 7 millóns de notas de venda, cun valor de facturación de 388 millóns de euros cara aos clientes e 346 millóns cara aos provedores.

Participa na nosa rede!

 

  rede.mar [at] xunta.gal (rede[dot]mar[at]xunta[dot]gal)

Cofinanciado pola Unión Europea