A Xunta contribúe a garantir a produción do polbo e a sostibilidade da actividade co proxecto Octosan

A conselleira do Mar asistiu á presentación da iniciativa

A Xunta contribúe a garantir a produción do polbo e a sostibilidade da actividade co proxecto Octosan
A Xunta contribúe a garantir a produción do polbo e a sostibilidade da actividade co proxecto Octosan
  • Faise a través do convenio co IIM-CSIC e a colaboración coas confrarías de Bueu, Baiona, Ribeira e Fisterra
  • O proxecto dá resposta á petición do sector de garantir a supervivencia do cefalópodo en termos de explotación e da economía que xera

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou este venres na presentación do proxecto do estudo de desenvolvemento e saúde das poboacións naturais de polbo común en Galicia (Octosan), que afonda na detección da capacidade de defensa desta especie a estresantes ambientais ocasionados por efectos climatolóxicos adversos, co obxectivo de asegurar a produción e a sustentabilidade da actividade.

Trátase dunha iniciativa que se enmarca no convenio asinado coa Axencia Estatal Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), dentro de Redemar; a rede que pon en contacto o sector pesqueiro e os organismos científicos no senso de compartir experiencias, coñecementos e melloras. Proba diso é que no desenvolvemento do proxecto, colaboran as confrarías de pescadores de Bueu, Baiona, Ribeira e Fisterra.

A esta actuación, cuxo prazo de execución remata en 2027, a Xunta destina 251.865 euros, que son co-financiados nun 70 % polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa). Coa súa posta en marcha, o Goberno galego continúa dando resposta a unha das principais necesidades do sector, baseada, segundo explicou Villaverde, “en garantir a supervivencia das poboacións ante fenómenos adversos que poidan ocasionar un descenso produtivo, tanto en termos de explotación do recurso, como da economía e do emprego que xera a captura do polbo nas zonas costeiras”.

Para elo, o proxecto abrangue o estudo do ciclo vital do cefalópodo (datos biométricos e índice de condición), a análise de madurez (índice gonadosomático), a época de posta baixo diferentes variables ambientais (temperatura, salinidade ou tormentas), a posible presenza de parásitos e outros patóxenos, o efecto das variables estacionais e a resposta do sistema inmune en cada un dos escenarios ambientais estudados.

Investimento 2026

Deste xeito, da man da investigación, o coñecemento e a innovación, Mar  “consolida a súa aposta pola actividade marítimo-pesqueira”. Precisamente, as contas do vindeiro ano reforzan o labor dos centros investigadores, dependentes da Consellería, Cetmar e Intecmar con 4,5 millóns e 5,5 millóns de euros, respectivamente; así como o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica con 5 millóns, Redemar con 2,4 millóns -un 20 % máis que no 2025-, os proxectos coas universidades galegas con 570.000 euros, o Observatorio Costeiro de Galicia con 280.000 e a rede de control de Galicia con 500.000.  

Participa na nosa rede!

 

  rede.mar [at] xunta.gal (rede[dot]mar[at]xunta[dot]gal)

Cofinanciado pola Unión Europea Fondos Europeos