A Xunta aposta polo investimento en investigación mariña incrementando a financiamento de Redemar nun 40% no proxecto de orzamentos 2024

  • O conselleiro do Mar destacou que nas contas públicas autonómicas para o ano que ven se recolle un incremento do 50% na financiación do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica
  • Esta ferramenta pioneira de transferencia de coñecemento entre organismos científicos e o sector pesqueiro persegue artellar a xestión sustentable dos recursos
  • En Redemar están representadas as confrarías, representantes do marisqueo a pé, redeiras e institucións do ámbito da ciencia como Intecmar, CIMA, o IEO, IIM-CSIC así como as tres universidades galegas.
  • A I+D+i é unha liña estratéxica nas contas do Executivo autonómico para o ano próximo, acadando máis de 330 millóns de euros tras un incremento superior ao 12% 
Conferencia

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, puxo en valor a aposta decidida da Xunta de Galicia en investigación mariña, e como proba citou o proxecto de Orzamento 2024, esforzo inversor nesta área da que dixo que é exemplo Redemar e anunciou que o goberno galego decidiu incluír no proxecto de Orzamentos 2024 unha mellora na súa financiamento do 40% respecto ao 2023. O titular de Mar fixo estas manifestacións acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, na celebración da sesión ordinaria de Redemar, a ferramenta posta en marcha pola Consellería do Mar na que tamén participan organismos científicos e o sector pesqueiro que cumpriu o mes pasado o seu primeiro ano de actividade.

Alfonso Villares enxalzou o traballo realizado nestes primeiros 12 meses de vida na que a rede se consolidou como espazo fundamental no que poñer en común experiencias e coñecementos cos cales atopar solucións aos problemas do sector e avanzar na sustentabilidade das súas actividades para garantir o seu futuro. Tamén sinalou a contribución desta entidade a que a administración conte co mellor asesoramento no desenvolvemento das políticas pesqueiras.

O titular destacou que Redemar é unha mostra da capacidade investigadora galega ao servizo das necesidades reais en materia de ciencia mariña polo que xustificou a necesidade de continuar potenciándoa como plataforma de conexión na que orixinar máis oportunidades de colaboración para constituír novos proxectos de investigación. Nesta liña informou que no proxecto de Orzamentos 2024 se recolle un incremento na financiación do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica do 50% con preto de 7 millóns de euros.

Durante a xornada abordouse a renovación das vicepresidencias da entidade, fíxose balance da actividade realizada ao longo do 2023 e discutiuse a planificación do vindeiro programa operativo. Tamén se fixo unha análise da situación actual dos recursos marisqueiros nas rías e realizouse a presentación de catro dos dez proxectos que ten en marcha. Dende o seu inicio, Redemar organizouse en cinco grupos de traballa que están traballando sobre as seguintes temáticas: as ouxas e o seu impacto nos bancos marisqueiros, as macroalgas, os parámetros biolóxicos do peixe, a integración dos datos das asistencias técnicas das confrarías e a situación dos recursos marisqueiros na costa.

Recursos da Xunta para o ano próximo

Os Orzamentos de 2024 da Xunta de Galicia serán os máis altos da historia, con 13.257 millóns de euros dos que case dez mil van para gasto social, a cifra máis alta mobilizada nunca, superando a sanidade os 5.000 millóns. Entre as súas liñas estratéxicas unha das que máis medra, cun 12,1 %, é a dedicada á investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i) con máis de 330 millóns de euros, cantidade que case triplica a de hai unha década. 

O ano próximo, que se encara sen que o orzamento recorra ao endebedamento por primeira vez en 16 anos, contarase con 2.800 millóns de euros para investimentos (o 2,4% máis). Será un exercicio onde se consoliden rebaixas de impostos e se engadan novos beneficios fiscais en ámbitos como o da compra de inmobles e vehículos usados ou a eliminación para a adquisición de vehículos de baixas emisións.    

Participa na nosa rede!

 

  rede.mar [at] xunta.gal (rede[dot]mar[at]xunta[dot]gal)

Cofinanciado pola Unión Europea