Villaverde presenta os avances de Redemar 2025, que reforza a alianza entre ciencia e sector para un mar máis sostible
Destaca que o futuro do mar galego depende de unir ciencia e experiencia profesional para anticiparse aos retos e garantir unha actividade sustentable
- Máis dunha ducia de proxectos de investigación aplicada cun investimento de 1,95 M€ en 2025, que acadará os 2,4 M€ en 2026
- Os resultados permiten mellorar a xestión dos recursos, anticipar riscos e consolidar un modelo baseado en coñecemento científico e decisións compartidas co sector
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, inaugurou hoxe no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) o acto de presentación dos resultados de Redemar 2025. A xornada serviu como escaparate dos avances da rede de colaboración científico-técnica impulsada pola Xunta para analizar o estado das rías na busca de melloras para a frota, o marisqueo e o litoral galego.
Villaverde, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, subliñou que “o futuro do noso mar depende máis que nunca da alianza estratéxica entre o coñecemento científico e a experiencia do sector”, destacando que REDEMAR permite anticiparse aos retos que afectan á actividade e impulsar decisións sustentadas en datos fiables. Tamén insistiu en que os resultados deben redundar en beneficios concretos para as mariscadoras, pescadores e empresas que conforman a cadea mar-industria.
A titular de Mar lembrou que esta liña de investigación aplicada conta cun investimento de 1,95 millóns de euros en 2025, que ascenderá a 2,4 millóns en 2026, mobilizando en total case 3 millóns ata 2027. Estes recursos canalízanse a través de máis dunha ducia de proxectos nos que colaboran as universidades galegas, centros científicos, organismos autonómicos e entidades do sector.
As accións levadas a cabo incorporan importantes avances na mellora da xestión e produtividade dos recursos mariños, a restauración de bancos naturais e recuperación de hábitats ou a resposta fronte a especies invasoras e depredadoras. Tamén afondan noutros ámbitos relevantes como a monitorización ambiental costeira en tempo real, a adaptación ao cambio climático e ás novas esixencias normativas.
Villaverde salientou que Redemar “permite tomar decisións mellor informadas e fortalecer o futuro da actividade económica ligada ao mar, protexendo emprego, recursos e biodiversidade”. A xornada serviu tamén para afondar na transferencia de coñecemento e reforzar a colaboración entre investigadores e profesionais, unha das liñas estratéxicas da Consellería para avanzar nunha xestión sustentable das rías galegas.

