Rosa Quintana enxalza o intenso labor da comunidade científica para avanzar no coñecemento da gran biodiversidade mariña de Galicia

A conselleira do Mar participou na presentación dos libros ’Nudibranquios das costas de Galicia’ e ‘Fauna mariña atlántica: esponxas do litoral de Galicia’, editados pola Xunta

Proba 2

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, salientou hoxe a necesidade de avanzar no coñecemento do mar e das especies que viven nel para levar a cabo unha xestión óptima dos recursos e adoptar medidas para a súa conservación. Neste sentido, puxo en valor o intenso labor realizado pola comunidade científica para avanzar no coñecemento da gran biodiversidade mariña coa que conta Galicia e a súa aportación para impulsar a súa conservación.

Así o destacou a titular de Mar durante a presentación dos libros Nudibranquios das costas de Galicia: as cores do Atlántico e Fauna mariña atlántica: esponxas do litoral de Galicia, ambos editados pola Xunta de Galicia e que supoñen ferramentas de gran utilidade no eido da investigación e da xestión. “Para protexer primeiro temos que coñecer; saber en que estado se atopa a biodiversidade mariña e como evoluciona para determinar as medidas de actuación neses zonas”, explicou.

Na presentación destas dúas obras, na que tamén participou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, así como algúns dos autores, a conselleira destacou o traballo de campo “exhaustivo e minucioso” realizado -coa implicación de mergulladores profesionais, biólogos mariños e investigadores do medio- que vai ser fundamental á hora de educar á comunidade sobre a presenza de hábitats e especies únicas así como para realizar unha xestión coidadosa das contornas mariñas.

“As nosas augas contan cun gran número de especies mariñas e unha gran diversidade, con máis de 6.000 especies catalogadas e moitas outras por descubrir, polo que a investigación nos permite ser máis eficientes na protección dos nosos mares e na conservación dos recursos”, asegurou Rosa Quintana.

Estes traballos académicos son un exemplo máis da aposta da Xunta pola colaboración co ámbito investigador de Galicia, un camiño que o ano pasado marcou un importante fito coa constitución da pioneira Rede entre o sector pesqueiro e os organismos científicos (Redemar) co obxectivo de incrementar o intercambio de información entre os diferentes axentes relacionados con este eido e de adaptarse ao contexto ambiental e socioeconómico das pesqueiras e recursos mariños galegos.

As obras

O libro Nudibranquios das costas de Galicia: as cores do Atlántico é o resultado do traballo de máis de dez anos de investigación do mergullador e instrutor profesional Jacinto Pérez Dieste, o biólogo mariño do Centro Oceanográfico de Vigo e fundador do Grupo de Estudo do Medio Mariño Bruno Almón Pazos e o investigador do Grupo de Estudo do Medio Mariño Juan Trigo.

Nesta obra analizan 119 especies distintas, o que supón un fito fundamental para afondar no funcionamento dos ecosistemas co fin de protexelos e se converte nunha ferramenta de gran utilidade para as persoas dedicadas á educación científica, á bioloxía e ao mundo marítimo en xeral.

Mentres, Fauna mariña atlántica: esponxas do litoral de Galicia clasifica máis de 200 especies e conta con máis de 500 fotografías coas que poder recoñecer as peculiaridades das esponxas, organismos que contribúen á vida e protección doutros recursos como elemento de alimento ou refuxio e con múltiples usos ao longo da historia -na actualidade estúdase a súa aplicación farmacéutica-. Este traballo é obra de Jacinto Pérez Dieste e Bruno Almón Pazos.

Participa na nosa rede!

 

  rede.mar [at] xunta.gal (rede[dot]mar[at]xunta[dot]gal)

Cofinanciado pola Unión Europea