Redemar desenvolveu no seu primeiro ano 9 proxectos que contaron coa participación das universidades galegas, o CIMA e as confrarías de pescadores
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro respondeu preguntas na Comisión 8ª
A rede de colaboración entre o sector pesqueiro e organismos científicos de Galicia é unha ferramenta pioneira na comunidade, onde poñen en común experiencias e coñecemento para achegar solucións aos problemas do sector
Na actualidade puxéronse en marcha 4 accións directas nas que participaron Intecmar, CIMA e o CSIC e organizáronse 6 xornadas de traballo para analizar a situación dos recursos marisqueiros en diferentes rías
A Consellería do Mar inclúe no proxecto de Orzamentos 2024 unha mellora do seu financiamento nun 40% respecto ao 2023
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro Pesca, Susana Rodríguez, explicou hoxe na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento as actuacións realizas por Redemar, a rede de colaboración entre o sector pesqueiro e os organismos científicos de Galicia -ferramenta pioneira na comunidade- que ten como misión o ser un espazo onde poñer en común experiencias e coñecemento para artellar solucións aos problemas do sector no seu primeiro ano de vida.
A representante da Consellería do Mar detallou que foron desenvolvidos 9 proxectos que contaron coa participación das tres universidades galegas, do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), das federacións de confrarías Galega e da provincia de Pontevedra así como de máis de 18 pósitos. Algúns deles foron a realización de un curso de observadores, o proxecto Preostreares para o establecemento das bases para a restauración dos bancos naturais de ostra plana na enseada de San Simón, ou o Sost-Eirzo sobre índice de sustentabilidade do ourizo de mar.
Entre as iniciativas destaca Hisarium, que consistiu no estudo técnico da evolución de varias especies de algas no litoral galego. Presentado polo CIMA, en colaboración coa UDC, a Federación Galega de Confrarías de Pescadores, e varias confrarías (Cangas, Ribadeo e Organización de Produtores de Marisco e Cultivos Mariños da Provincia de Pontevedra).
A directora xeral destacou que traballouse en catro accións directas nas que participaron Intecmar, CSIC e CIMA e constituíronse 5 grupos de traballo sobre as ouxas e o seu impacto sobre os bancos marisqueiros, sobre as macroalgas, sobre os parámetros biolóxicos dos peixes, para integración dos datos das asistencias técnicas das confrarías e sobre a situación dos recursos marisqueiros na costa. Ademais, foron organizadas 6 xornadas de traballo entre os meses de abril e xuño para abordar a situación dos recursos marisqueiros que foron realizadas en diferentes rías, facendo un análise específico de cada unha delas e nas que participaron un total de 286 persoas entre representantes da administración, do ámbito da investigación, do marisqueo a pé e a frote, contando tamén coa asistencia técnica de distintas entidades.
Máis orzamento
Susana Rodríguez valorou moi positivamente o traballo desenvolvido por Redemar neste primeiro ano así como o incremento de un 40% do seu financiamento respecto ao 2023 e anticipou que os vindeiros proxectos serán confeccionados en base ás conclusións elaboradas polos diferentes grupos de traballo que xa poderán acollerse ao Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa).