Preto dun cento de técnicos e investigadores galegos poñen en valor información recollida nos últimos 30 anos sobre os recursos marisqueiros

  • O Simposio de Técnicos de Marisqueo realízase ao abeiro da Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos de Galicia e busca intercambiar coñecementos sobre a rexeneración de bancos marisqueiros e as súas variables ambientais así como sobre a dinámica e avaliación das poboacións de distintos recursos
  • Susana Rodríguez subliñou a importancia dos plans de xestión marisqueira, que en Galicia se presentaron por primeira vez no 1992 e que promoven a convivencia entre o persoal técnico e o sector
Preto dun cento de técnicos e investigadores galegos poñen en valor información recollida nos últimos 30 anos sobre os recursos marisqueiros

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, inaugurou o Simposio de Técnicos de Marisqueo que se celebra hoxe en Santiago e que ten como fin intercambiar coñecementos relacionados coa xestión e o estudo dos recursos marisqueiros ao abeiro da Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos de Galicia (Redemar). Neste encontro, no que participa persoal das confrarías de pescadores e da Consellería do Mar, poranse en valor os coñecementos adquiridos polos técnicos neste ámbito nos últimos 30 anos.

Esta xornada prolongarase ata as 18:30 horas e nela abordaranse cuestións relacionadas coa rexeneración de bancos marisqueiros, coa dinámica e avaliación das poboacións de distintos recursos e co seguimento de variables ambientais, así como metodoloxías e procedementos empregados neste campo.

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro aproveitou a ocasión para subliñar a importancia dos plans de xestión marisqueira, que en Galicia se presentaron por primeira vez no ano 1992 e que promoven a cogobernanza entre o persoal técnico e o sector marisqueiro.

Este labor permitiu a compilación de observacións sistemáticas sobre distintos aspectos da xestión marisqueira, unha información de grande interese para o sector que se abordará neste simposio organizado polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) ao abeiro de Redemar. Esta rede é unha iniciativa pioneira na comunidade galega e creada pola Xunta para incrementar o intercambio de información entre os diferentes axentes relacionados co eido mariño e coa finalidade de adaptarse ao contexto ambiental e socioeconómico das pesqueiras e recursos mariños galegos.

Participa na nosa rede!

 

  rede.mar [at] xunta.gal (rede[dot]mar[at]xunta[dot]gal)

Cofinanciado pola Unión Europea