A Consellería do Mar financia o proxecto Ostreares co obxectivo de restaurar os bancos naturais de ostra na enseada de San Simón
A iniciativa, liderada polo CIMA, foi presentada hoxe e conta coa participación da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra e da propia Confraría de Arcade
Os traballos están previstos que se prolonguen ata o 2027 e suporán un investimento pola parte da Xunta de máis de 190.000 euros
Soutomaior (Pontevedra), 8 de novembro de 2024
Hoxe celebrouse na sede da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra o acto de presentación do proxecto Ostreares que ten como obxectivo recuperar a actividade de aproveitamento marisqueiro dos bancos naturais de ostra autóctona na enseada de San Simón, na Ría de Vigo. Alí estivo a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, que destacou que esta iniciativa vén liderada polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), dependente da Consellería do Mar que investirá máis de 190.000 euros na súa execución.
O proxecto recolle unha serie de actuacións encamiñadas a incrementar o número de reprodutores de ostra plana, que serán estabulados nas estruturas instaladas no proxecto PreOSTREARES e na nova que se instalará neste. Así, procederase a realizar o seguimento destes exemplares, rexistraranse os principais parámetros ambientais e abordarase un programa de vixilancia epidemiolóxica.
Por outra banda, para evitar depender da captura nos bancos naturais, tratarase de obter semente por captación natural e posta inducida. Por último, os colectivos de persoas mariscadoras a pé da propia Confraría de Arcade implicaranse asumindo o mantemento e limpeza das citadas estruturas. Entre os resultados alcanzados espérase obter datos sobre o comportamento dos reprodutores e da semente así como recuperar a captura sostible desta especie e propiciar os beneficios para o ecosistema que brindan estas poboacións.
Redemar
Marta Villaverde puxo en valor a colaboración entre o CIMA e a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra, que está enmarcada na rede creada pola Xunta entre o sector pesqueiro e os centros científicos da comunidade, Redemar, proxecto cofinanciado polo Fempa (Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura). Nesta liña, recordou que esta acción da continuidade a liña de traballo realizada no proxecto PreOSTREARES que pretendía establecer as bases para o procedemento de restauración dos bancos naturais de ostra plana (O. edulis) na enseada de San Simón. Uns traballos con resultados moi satisfactorios polo que se decidiu apostar por continuar cunha segunda fase a través desta nova iniciativa que se estenderá ata o 2027.